Mancomún - Iniciativa galega polo Software Libre

Distribuir contido Mancomún: Últimas novas
Últimas novas de Mancomún
Actualizado: hace 5 semanas 20 horas

Aberto o prazo de remisión de propostas para a Conferencia Internacional de Software Libre

Mér, 23/06/2010 - 13:06

A Conferencia Internacional de Software Libre, organizada pola Junta de Andalucía e a Junta de Extremadura en colaboración coas empresas máis importantes do sector, é un foro internacional para a presentación e difusión de aspectos técnicos, de aplicativos e de modelos de negocio en software libre. Logo xa de seis edicións, probablemente poida xa considerarse o evento europeo de maior relevancia relacionado coas tecnoloxías de fontes abertas. Este ano celebrarase en Málaga durante os días 27, 28 e 29 de Outubro.

Desta volta a conferencia presenta algunhas novidades con respecto á organización de anos anteriores, entre as que destacan:

  • Adicación do primeiro día da conferencia exclusivamente ao público profesional, é dicir, a persoas que desenvolven a súa actividade profesional en empresas privadas ou entidades públicas usuarias de tecnoloxía libre ou empresas do sector TIC. Os días 28 e 29 estarán, como sempre, abertos á participación do público en xeral.

  • Visión práctica da que se pretende dotar ao evento. É dicir este ano marcouse como un dos obxectivos ofrecer aos asistentes a oportunidade de visualizar as vantaxes derivadas da aplicación do software libre en ámbitos concretos,como as pequenas e grandes empresas, as administracións públicas ou as organizacións do sector social. Serán os propios actores clave nestes ámbitos quen expoñan as súas ideas, experiencias e os que axudarán a atopar as solucións máis adecuadas para cada tipo de actividade ou de negocio.

A Conferencia contará con sesións plenarias e con comunicacións doutro tipo que serán escollidas de entre todas as propostas recibidas. O prazo para o envío de propostas de comunicacións está aberto ata as 8:00 horas do vindeiro día 31 de Xullo.

...

Roberto Brenlla falará sobre a comunidade galega do SwL no FISL11 de Porto Alegre

Lun, 21/06/2010 - 12:43

Roberto Brenlla informa que, desta volta, vai participar no Fórum Internacional Software Libre co relatorio "Sw Livre em Galicia: ejemplo de Comunidade, Políticas e Negócios".

Terá unha vez máis a oportunidade de representar a AGNIX, AGASOL, ASOLIF, e de promocionar Galicia nos eidos do SwL e a lusofonía.

Esta decimo primeira edición do FISL terá lugar entre os días 21 e 24 de xullo, no Centro de Eventos da Pontifícia Universidade Católica do Rio Grande do Sul, en Porto Alegre, Brasil.

Ademais da representación galega de Roberto Brenlla, está confirmada tamén a participación doutros principais expoñentes do FLOSS mundial. Así, estarán Scott Chacon, evanxelista de Git que traballa no proxecto GitHub; Wietse Venema, creador do Postfix; John Maddog Hall, prtesidente e fundador de Linux Internacional; Michael Hanselmann, administrador de sistemas para Google en Suiza ... Pódese ver a lista dos primeiros confirmados na web do evento.

O Fórum Internacional Software Libre (fisl) é considerado o maior encontro de comunidades de software libre de América Latina e tamén un dos maiores do mundo. 

...

Presentada a versión RC de GALPon MiniNo

Lun, 21/06/2010 - 10:11

Dende GALPon infórmannos que xa teñen dispoñible para descargar a versión candidata (RC) da distribución galega GALPon MiniNo Alguadaira (1.2).

Esta versión engade, a todas as novidades comentadas hai un par de meses coa publicación da versión beta, algunhas melloras e/ou funcionalidades:

Agora é posible facer un USB Vivo (live) directamente coa imaxe .iso como se fora unha imaxe .img, ao fornecer unha imaxe híbrida. Esta nova funcionalidade permite empregar un USB como vivo (live) ou como destino da instalación en máquinas con eventuais problemas:

  • Maquinas sen lectora de CD, pero con arranque por USB na BIOS.
  • En máquinas cunha lectora de CD defectuosa que non faga instalacións correctas e non dispoña de arranque por USB na BIOS.
  • Instalación nun USB en certos escenarios recomendables:
    • Máquina con disco ríxido pequeno no que xa temos outro S.O.
    • Maquina co disco ríxido defectuoso, ou sen disco ríxido.

Para facer uso destas funcionalidades poden consultarse as completas instrucións USB proporcionadas na propia web do proxecto.

Por outro lado destaca tamén a especial atención prestada ás instalacións en hardware de características problemáticas.

...

Presentado Carvalho, o tradutor automático estatístico do inglés ao galego con licenza GPL

Xov, 17/06/2010 - 13:56

Imaxin|Software presentou onte, no Centro ON de Santiago de Compostela, o proxecto Carvalho, un proxecto de tradución automática estatística, de código aberto e sustentábel, entre o inglés e o galego encadrado dentro da plataforma de servizos de tradución automática Opentrad e publicado baixo licenza GPL.

O proxecto está aberto á colaboración de toda a comunidade. O obxectivo é mellorar e enriquecer o corpus inglés-galego actual, que inclúe xa uns 71 millóns de palabras, contribuíndo ao tempo á plantación de especies autóctonas por toda a nosa xeografía, xa que Imaxin comprometeuse a facer repoboacións forestais de árbores autóctonas segundo vaia medrando o corpus coas achegas da comunidade.

Na web do proxecto teñen instrucións detalladas, mesmo con videotitorias, nas que se indica que unha das formas de colaborar é enviándolles ao proxecto corpora de inglés-galego ou de inglés-portugués. Este último se ademais se transforma ao galego sería de grande utilidade.

Este proxecto forma parte dunha nova liña de investigación aberta na empresa compostelá, consistente en por unha banda basear a tradución automática no uso de tecnoloxías de tradución estatística e por outro tomar como base para a mesma corpus aliñados entre o inglés e o portugués de Portugal, ante a inexistencia de corpus paralelos inglés – galego grandes dabondo. O punto de partida desta nova vía radica en que a tradución baseada en regras, empregada ata o momento polo sistema de tradución Opentrad, funciona de maneira excelente entre linguas lingüisticamente próximas como é o caso do español e o galego por exemplo, mais non resulta efectiva para linguas tan distantes como o inglés e o galego.

...

Descontos adicionais no Máster en software libre para os participantes no Premio ao mellor PFC con SwL

Mér, 16/06/2010 - 12:02

Dende a web do Premio ao Mellor Proxecto de Fin de Carreira con Software Libre, informan que este ano ofrecerán un desconto adicional do 10% nas taxas de inscrición do Máster en Software Libre a todos os participantes que cumpran os requisitos para ser avaliados para o Premio. Deste xeito pretenden apoiar á xente que comeza a ter a súas primeiras experiencias co movemento FLOSS e que queira seguir aumentando o seu coñecemento sobre as tecnoloxías abertas a través dos estudos do máster.

Segundo os organizadores trátase dun paso lóxico, xa que o espírito do Premio é fomentar o uso do software libre e a participación no mesmo amosa un forte compromiso cos fundamentos do movemento, baseados no libre intercambio de coñecemento e o traballo colaborativo. Por outra parte o Máster en Software Libre proporciona a formación completa para posicionarse no ámbito profesional.

...

Liberada ferramenta para a busca do posible significado dunha marca nas linguas oficias da UE

Mér, 16/06/2010 - 09:42

A Oficina da Unión Europea de Harmonización do Mercado Interior (OHMI),a axencia responsable do rexistro de marcas e deseños en Europa, publicou baixo licenza EUPL o prototipo dunha ferramenta para comprobar se o nome dunha solicitude de marca ten significado nalgunha das 23 linguas oficiais da UE.

A ferramenta, nomeada Langcheck, compara o nome dunha marca presentada coas «Causas de denegación absoluta» do artigo 7 do Regulamento da UE sobre rexistro de marcas. Na actualidade, esta verificación realízase coa axuda dun equipo de lingüistas.

 

Un destes motivos de denegación é que unha marca non poderá rexistrarse na UE se describe exclusivamente características incluíndo o tipo, calidade ou cantidade de produtos ou servizos que intenta protexer. E ese principio debe ser respectado en calquera dos 23 idiomas oficiais da UE. "Isto significa que temos que saber o que unha palabra dada ou denominación podería significar nalgunha destas linguas", explica un dos desenvolvedores da OHMI, Francisco Alvarez, na súa introdución a Langcheck.

...

O OpenWorld Forum debaterá sobre o uso do FLOSS e os estándares abertos nas administracións públicas

Mar, 15/06/2010 - 10:48

Dous dos temas que se tratarán no Foro Mundial Aberto – Open World Forum serán as administracións públicas que empregan aplicativos de fontes abertas e estándares abertos e as institucións gobernamentais que están a poñer a disposición do público os seus datos.

O Open World Forum é unha conferencia mundial sobre políticas e estratexias para o software libre e de fontes abertas e sobre os estándares abertos. Terá lugar os días 30 de setembro e 1 de outubro en París, Francia.

O tema deste ano para a conferencia é “O futuro é aberto” que se explorará a través de sesións plenarias, sesións de traballo, eventos de relacións e debates que xirarán en torno a nove conceptos organizados en 3 eixos principais divididos en 3 temas cada un:

  • Innovación aberta: no que se tratarán aspectos como a construción do futuro dixital grazas ás plataformas abertas de innovación, ecosistemas tecnolóxicos, comunidades abertas e computación na nube.
  • Empresa aberta: trataranse temas como o desenvolvemento de modelos económicos a través de organizacións abertas en rede, a xeración de contidos abertos e o uso de sistemas de información abertos.
  • Sociedade aberta: falarase sobre a construción dun futuro sustentable grazas a un goberno inclusivo, a constitución do ben común e a inclusión dixital.

Está dirixido fundamentalmente a líderes políticos, xerentes e CIOs de empresas, líderes de comunidades, emprendedores, inversores, académicos e investigadores, aínda que por suposto, está aberto á participación de calquera persoa interesada.

 

...

Zaragoza continúa co seu plan de migración a un escritorio libre

Lun, 14/06/2010 - 10:45

O plan de migración a unha solución completa de escritorio de fontes abertas no Concello de Zaragoza vai por moi bo camiño. Todos os funcionarios públicos da cidade utilizan xa ferramentas de código aberto, incluíndo Thunderbird, VLC, Firefox e OpenOffice. Para finais deste ano o 25% dos PC de escritorio da cidade mudarán de sistema operativo cara a unha solución GNU/Linux.

No pasado Gnome 3.0 Marketing Hackfest presentaron o proxecto de migración a software libre do Concello de Zaragoza do que se fan eco no OSOR.

Segundo as palabras de Eduardo Romeu, coordinador do equipo TIC encargado de levar a cabo este proxecto, son moitas as vantaxes dun proceso como o que están a desenvolver eles, por exemplo di "unha gran organización como a nosa aforrará significativamente nas licenzas, tanto no medio como no longo prazo". A cidade de Zaragoza, que decidiu migrar ao código aberto en 2006, até o momento utilizou os aforros que lle supón este proceso de migración para pagar o proceso en si, explica Romeu.

...

Festival de Curtametraxes Libres Cinestable

Lun, 14/06/2010 - 09:48

A asociación Asociación de usuarios de GNU/Linux de Ordes, inestable.org organiza para o vindeiro mes de Agosto o I Festival de Curtamentraxes Libres Cinestable. O festival pretende render homenaxe á liberdade que brindan as licenzas libres Creative Commons convocando un concurso de curtas ao que están convidados a participar amateurs e profesionais de todo o país.

O obxectivo principal desta inciativa é o fomento do uso das licenzas culturais libres e a difusión das súas vantaxes como por exemplo que permiten aumentar a difusión das obras noveles.

Poden concorrer ao concurso todas as cintas de calquera temática e en calquera idioma, sempre que leven subtítulos os diálogos que non sexan en galego ou castelán, e deberán ser distribuídas baixo unha licenza Creative Commons ou licenza GPL.

...

Análise comparativo de aplicativos de fontes abertas para Business Intelligence

Ven, 11/06/2010 - 11:05

Stratebi , empresa con sede en Madrid, creada por profesionais con ampla experiencia en sistemas de información, solucións tecnolóxicas e procesos relacionados coa Intelixencia de Negocio ou Business Intelligence, vén de facer público un informe comparativo dos distintos aplicativos de fontes abertas existentes no mercado respecto a solucións de Business Intelligence e as súas respectivas versións Enterprise.

O informe, dispoñible en inglés e en español, recolle, en algo máis de 50 páxinas, as principais vantaxes e analízanse comparando as características de cada un dos seguintes aplicativos: Pentaho, Jasper, Eclipse BIRT, Palo e SQL Power.
O obxectivo é ir ampliando o documento en sucesivas versións, incluíndo novas ferramentas, funcionalidades, exemplos, etc... Están abertos a calquera suxestión, proposta, ou mellora.

Os profesionais de Stratebi son os creadores e autores do primeiro weblog en español sobre o mundo do Business Intelligence, Data Warehouse, CRM, Dashboards, Scorecard e Open Source: Todo Bi, que xa se converteu nunha referencia para o coñecemento e a divulgación do Business Intelligence en español.

...