Casos de éxito

Faime graza a linguaxe grandilocuente dos comerciais encorbatados que cegan aos directivos das empresas ou aos políticos con mando en praza. Unha das cousas que adoitan vender é aquilo dos casos de éxito das súas empresas.

A semana pasada estivo en Estremadura, entrevistándose co presidente e as conselleiras de Sanidade e Educación, a presidenta de Microsoft Ibérica (Marca Rexistrada). Por suposto, díxolles que eles son máis guapos, fan as cousas mellor e son baratitos. Esa empresa californiana ten na súa páxina web como caso de éxito o desenvolvemento de Diraya. Diraya é o proxecto andaluz equivalente ao proxecto Jara estremeño, é dicir: a xestión da sanidade, incluíndo aos pacientes. En Andalucía Diraya fíxoo Indra con Microsoft. En Extremadura Jara fíxoo IBM con software libre. Ambos son proxectos faraónicos, caros e en perenne desenvolvemento. Pois ben, o caso de éxito de Diraya resulta que ao final o goberno andaluz teno que retirar porque non funciona, logo de haberse gastado 10.000 millóns de pesetiñas (cifra de 2005, [1] a saber canto máis se incrementou nos seguintes catro anos). Non importa, como dixo aquela, "estamos manexando diñeiro público e o diñeiro público non é de ninguén".

Non sei o que custou Jara en EXtremadura, pero sei que está recibindo premios fronte aos desastres que cultiva Diraya. Espero que os nosos políticos non se crean os contos chineses que lles veñen contado as/os comerciais en traxe executivo. Ao fin e ao cabo as súas técnicas de venda son coñecidas. Agora esta señora di que vai regalar o seu produto aos estudantes. Por suposto, cando deixen de ser estudantes xa non llo regalará, cobrarallo ben cobrado actualización a actualización. É exactamente a técnica comercial que usan outros negociantes cando regalan o seu produto mesturado entre lambetadas aos nenos á porta do colexio, para que enganchen, porque saben que, logo, saír do mono é tan doloroso que moitos prefiren seguir comprándolles antes que liberarse.

[1]N. de T. A Junta de Andalucía xa fala de 60 millóns de  € de custo para Diraya

Publicado por José L. Redrejo Rodriguez o 6 de Maio 2009 en http://www.itais.net/